mércores, 25 de xuño de 2014

Xincana de Participación Infantil Vilagarcía de Arousa



participación infantil na vida comunitaria Vilagarcía



Os nenos e nenas de 8 anos en diante teñen a oportunidade de pasar unha agradable mañá de sábado aprendendo mediante xogos e actividades lúdicas a importancia de participar vida da súa comunidade de diversos xeitos. Será este sábado, 28 de xuño, entre as 11 e as 13 horas no Parque Miguel Hernández a través da xincana que organiza a Concellería de Xuventude e Voluntariado no marco dun proxecto máis amplo das Cidades Amigas da Infancia das que Vilagarcía forma parte. Sen perder de vista o aspecto lúdico e informal das actividades, os monitores animarán aos nenos e nenas a participar de xeito activo en todas actividades co obxecto de facilitar unha mellor comprensión da realidade que os rodea, fomentar a comunicación e a deliberación, dar renda solta á creatividade, interiorizar o concepto de compromiso social e promover o traballo en equipo. E todo isto, a través dos temas que a eles lles interesan e dos espazos que coñecen como os parques, os centros educativos e as actividades dirixidas á infancia e á xuventude. Murais, debuxos, e gravacións serán algunhas das ferramentas que utilizarán para analizar a realidade, reflexionar sobre ela, debater e propoñer propostas para melloralas. Tamén cooperarán para elaborar unha maqueta do seu parque ou colexio utilizando materiais de refugallo, e farán unha asemblea na que expoñer a pluralidade de opinións dos asistentes e adoptar acordos. Entre as actividades alternativas que se poderán realizar na xincana será a elaboración de cartas ao Alcalde para trasladarlle as inquedanzas dos cativos e mesmo un encontro con responsables do grupo de goberno.

Esta actividade está incluída dentro do Programa de Activación da participación infantil e da adolescencia na vida comunitaria promovido pola Concellería de Xuventude e que parte do concepto da necesidade de promover a participación activa como un dereito fundamental dos nenos e nenas nos seus espazos de convivencia, involucrando á infancia na toma de decisións que lles afecten, facéndoos partícipes destas e potenciando as habilidades e capacidades para a súa participación, especialmente a partir dos 8 anos.


A concellería que dirixe Sandra García Roma comunicou esta iniciativa aos centros educativos do municipio antes do remate do curso co obxecto de que as dirección a trasladaran ao seu alumnado.

http://www.noticieirogalego.com/2014/06/fomento-da-participacion-infantil-cunha-xincana-de-xogos-e-actividades-en-vilagarcia/


1 comentario:

  1. Parabéns pola actividade. Os nenos/as gozaron a pesar das malas condicións metereolóxicas.

    ResponderEliminar